Pinto pinto gorgorinto

¿ Por que unha montaxe a partir dos xogos populares de Galicia?

As culturas tradicionais utilizaron sempre a literatura popular como instrumento de diversión, pracer e aprendizaxe.

A alma de Galicia asómase a través das voces e dos xogos dos nosos nenos e nenas de todos os tempos, por iso forman parte do noso patrimonio cultural

A nosa tradición lúdica é das máis ancestrais da Península Ibérica, e da importancia destes materiais, ven a necesidade de preservalos e difundilos.

Aproveitar este importante caudal que milagrosamente aínda podemos recoller, conscientes de que se non se utiliza desaparecerá, é a nota teima.

Trátase dun espectáculo de rúa ou espazos grandes
Nun tren de madeira preséntanse distintos personaxes representativos doutros tantos oficios (algúns xa desaparecidos) que van aportando xogos populares de Galicia con textos de tradición oral; cantigas, adiviñas, etc. Facendo partícipes aos nenos, nenas e demais público.

Velaí a muller

O día 9 no marzo de 2007, dentro dos actos que organizou a Delegación Provincial de Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar para celebrar o día da muller traballadora, estreamos o espectáculo poéticos Velaí a muller, con textos de mulleres escritoras de Galiza.

Homenaxe a Lorca

En Outubro de 2006 fixemos unha montaxe de textos de Federico García Lorca para o homenaxe que o Foro Republicano de Galicia se lle fixo en Lugo a este autor.

O libro de ler e desler

Estreada o 16 de decembro de 2006 .-Como parte da nosa tradición o pobo creou e gardou durante séculos seres mitolóxicos que configuran as súas vellas lendas de sempre e que nos seguen fascinando xeración tras xeración coas súas historias tomadas do pobo.
Con esta montaxe desexamos realizar unha recollida e divulgación da Literatura de Tradición Oral e dos Mitos , aproveitando o importante caudal de contos máxicos que posuímos. Historias recibidas oralmente por unha cadea de transmisores depositarios e reelaboradores pertencentes a un contexto cultural do que son produto.- A tradición oral como un xogo de permanencias no tempo. Como unha ponte viva dende o máis alá ata os nosos días. Non se sabe de seguro cando xurdiron estas historias cuxos protagonistas están dotados de voz humana. Moitas quizais son prodixio da imaxinación popular, máis non sempre están fóra da lóxica. Habelas hainas...

Con esta peza foi seleccionada para participar no VI festival Agustín Magán 2007 e no festival do Baixo Miño no 2008.

Confusión de María Balteira

No mes de Setembro de 2004 estreamos esta peza.
A máis famosa de todas as soldadeiras foi María Peres, a Balteira. Protagonista de dezaseis cantigas de escarnio que nos dan noticia dunha muller singular, posuidora de todos os vicios condenables naquel tempo.

Marica Campo, escribiu esta peza teatral a petición do grupo, a partir dun conto propio incluído no libro Confusión e morte de María Balteira.

Queremos destacar de xeito especial o carácter poético do texto, que encerra en todo momento unha reivindicación da condición feminina.

Esta obra tamén foi seleccionada pola Federación Galega de Teatro Afeccionado para participar no III Festival de Teatro Afeccionado “Agustín Magán” en Santiago de Compostela.

Unha petición de man e O Oso

En setembro de 2005, no Valadouro estreouse a montaxe composta por estas dúas pezas curtas de Chejov:
Unha petición de man :O terratenente solteirón Stepánovich preséntase na casa da súa
veciña coa intención de pedir a súa man, aínda que unha serie de cómicos malentendidos volven a tarefa algo complicada Trato de matrimonio con ribetes de humor. O amor parece unha burla neste medio rudo, onde os campesiños teñen como único diálogo as súas pertenzas. Quizais non é amor, senón un aproximarse ao outro co fin de chegar a querelo mañá. E claro, isto custa.
O Oso: O oso describe a historia dun terratenente que chega á casa da viúva Popova para reclamar unha débeda que tiña contraída o seu defunto home, mais atópase con que non vai ser doado recuperar os seus cartos.
A señora estirada e traxicomicamente ofendida, remata por provocar unha encesa paixón no home rudo que ven a alterar o seu retiro .
O texto acumula humor e axilidade, dous elementos que fan de ponte entre espectadores e actores.
nesta montaxe temos unha escenografía e vestiario inspirados ambos na Rusia do século IXX .- Seleccionada para o V Festival Agustín Magán 2006.

A Tempestade

Logo do éxito acadado con Aulularia decidimos preparar una nova obra para a “II mostra de teatro clásico” de Lugo. Escollemos A Tempestade de Shakespeare unha obra de enorme complexidade pero fermosísima e moi diferente a outras obras do mesmo autor.- Para esta montaxe, parecíanos de interese colaborar con outros grupos de teatro afeccionado de Lugo e así solicitamos a participación de Palimoco, que acolleu a idea con grande entusiasmo, o que permitiu levar adiante este proxecto.
A escenografía neste caso tiña como soporte unhas estructuras metálicas, con ramplas de unión entre elas e recubertas de arpilleira pintada, que simulaban o aspecto rochoso dunha illa e proporcionaban diferentes alturas para moverse en escena. O vestiario de época e moi espectacular así como as máscaras feitas polo artesán Kukas. Todo isto logra unha posta en escena moi vistosa.
A obra foi seleccionada como finalista na 3ª mostra de teatro afeccionado de Cabana de Bergantiños, onde Paloma Lugilde no papel de Ariel consegue o premio á mellor actriz.

A Mandrágora

No mes de novembro do ano 2002 participamos no concurso cultural para xoves Urbis cunhas pequenas montaxes de rúa, ambientando diversas situacións da vida romana na cidade de Lugo.

Xa en xaneiro de 2003 estreamos, dentro da “III mostra de teatro clásico” de Lugo, A Mandrágora de Niccolò Macchiavelli. É esta unha obra onde o autor, especialmente recoñecido polos seus tratados políticos e filosóficos, nos ofrece unha sátira mordaz e hilarante sobre a corrupción que domina a sociedade italiana do seu tempo.

Macchiavelli desenvolve a acción en época contemporánea en Florencia, o que converte esta peza nunha crítica dos modos de vida dos distintos estamentos sociais (a nobreza, o clero, ...), da importancia dos cartos e da moralidade imperante para a que todo vale con tal que non se saiba.
Nesta montaxe quixemos remarcar o carácter grotesco dos personaxes así que decidimos utilizar os mínimos elementos en escena (dúas pequenas plataformas) cun fondo en negro, de xeito que o foco se centrase nas cores do vestiario e nas maquillaxes dos actores, apoiándose na iluminación para a creación dos diferentes espacios escénicos.
Esta obra foi seleccionada pola Federación Galega de Teatro Afeccionado para participar no II Festival de Teatro Afeccionado “Agustín Magán” en Santiago de Compostela.

Chuvia de anxos sobre París

No ano 1999, rematado o traballo con Maxia Vermella, pasamos directamente a preparación desta peza. Pretendiamos fuxir do ton “clásico” do anterior traballo, e é por iso polo que escollemos esta obra de Alfonso Sastre na que o autor fai unha reflexión sobre a crise dos valores ideolóxicos, e os límites da fantasía.

Anxo, un psiquiatra en crise, confunde a súa personalidade e comeza a crerse líder dun grupo de anxos revolucionarios que empregarían á República Francesa como cabeza de ponte para a súa conquista do ceo.
A escenografía baséase en paneis translúcidos e incorpora elementos simbólicos e irreais.

Aulularia

Xurde esta peza do reto de presentar unha obra romana, que aporte un grao máis á morea de iniciativas encamiñadas a apoiar a candidatura da Muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade.
Escollemos unha das obras máis famosas de Plauto, unha das primeiras revisións teatrais do mito do avaro, que fora traballado anteriormente en Maxia Vermella.

A escenografía, aberta, inspírase nun teatro romano, cun centro de columnas semicirculares de máis de cinco metros de altura (reducido á metade en escenarios pequenos).
Esta peza participa con grande éxito na “I mostra de teatro clásico” de Lugo, na que interveñen grupos profesionais. Acada o primeiro premio ó mellor espectáculo na 2ª mostra de teatro afeccionado de Cabana de Bergantiños e Antón Sampaio, encarnando
o papel de Euclión, consegue o premio ó mellor actor. Tamén foi seleccionada para participar no I Festival de Teatro Afeccionado “Agustín Magán” en Santiago de Compostela.

Os Pelúdez entre nós

Invitados polo Concello de Lugo para participar nas festas patronais de San Froilán do ano 1997 decidimos a abordaxe dunha animación centrada no famoso personaxe do periódico local El Progreso: Pelúdez. Así xurde o espectáculo Os Pelúdez entre nós. Quizais sexa este o traballo de Achádego máis difundido e, ó mesmo tempo, tamén un dos máis celebrados pola xente da rúa, que vía materializados ós emblemáticos personaxes de Pelúdez, Filomena, Peludeciño e Vanessa. -Unha televisión local invitou ese ano á familia durante as festas a participar nun programa diario.

Dende aquela tódolos anos os personaxes da familia Pelúdez, encarnados por actores de Achádego, recorren as rúas lucenses nas festas do San Froilán, converténdose nunha atracción que é agardada por tódolos lucenses.

Maxia Vermella

Despois da estrea no ano 1997 da montaxe de rúa Os simulados da caravilla de Manuel María, que logo adaptamos para a súa representación en sala, nos últimos anos o traballo do grupo estase a centrar máis no teatro de sala. Nesta liña comeza a preparación de Maxia Vermella, do famoso autor belga Michel de Guelderode, do que se cumpría no ano 1998 o centenario do seu nacemento.

Abordamos unha das versións do mito do avaro. Con Maxia Vermella tratamos un tipo de comedia chea de dobres intencións e humor negro. Os pecados capitais afloran en tódolos diálogos.
Nesta obra temos que destacar o esforzo que se fixo a nivel de vestiario e ambientación. A escenografía e os traxes inspiráronse en cadros flamencos da época na que se ambientaba a peza. Do mesmo xeito, a música foi elixida seguindo eses patróns. No decorado seguimos o camiño iniciado en A sogra traballando con sistema de paneis montables. Antón Sampaio, que encarnaba a Xerome, foi galardoado co premio ó mellor actor no festival de teatro afeccionado de Gondomar, no que tamén obtivemos o premio ó mellor vestiario.

Experiencias en vídeo e televisión. O irlandés astrólogo

Logo da experiencia do ano 1990 no que colaboramos coa TVG no programa infantil Superamigos, onde elaboramos o vestiario en láminas de plástico de cores, no ano 1994 en colaboración cunha productora local realizamos unha serie de anuncios de “urbanidade”, baseados no libro Las buenas maneras de Blanco Amor, que se emitiron pola TVG baixo o lema O bo cidadán fai a boa cidade. No mesmo ano fixemos a rodaxe en vídeo da peza teatral O irlandés astrólogo de Luís Seoane, autor a quen se lle dedicaba o Día das Letras Galegas.
Deste xeito o grupo introdúcese brevemente no campo da gravación e a producción audiovisual. Na peza, Patricio Sinot, un inmigrante irlandés que viviu en Santiago, durante a época inquisitorial, enfróntase cos problemas derivados do rexeitamento a súa visión científica do mundo.

A sogra

Despois da realización de varias montaxes en colaboración con diversas asociacións culturais da cidade de Lugo e dun novo espectáculo de rúa O noso é mellor, retomamos o teatro de sala, e así no ano 1996 estreamos unha adaptación da peza Hecyra (A sogra) do escritor clásico Terencio.
Decidiuse “actualizar” a peza, nunha versión ambientada no rural galego. Os personaxes “casaban” co espírito clásico do rural, e resultaban “arquetipos” coñecidos por todos. Era a primeira vez que representabamos un exterior: a praza dunha pequena aldea. A escenografía baseábase nunha “caixa” de paneis de madeira recubertos con falsa pedra. Reutilizaremos esta técnica en montaxes posteriores. Xurde o precursor do rol de Pelúdez, representado por Suso Meilán, que será desenvolvido durante as festas de San Froilán dos anos posteriores.

As semanas de cine

Achádego foi o derradeiro grupo de teatro que actuou no Gran Teatro, edificio histórico situado no centro de Lugo. Este foi un dos momentos de plenitude creativa do grupo: o reto consistía en representar diariamente varios fragmentos que o público puidese identificar con longametraxes famosas. As escenificacións se realizaban antes do pase das películas da sección oficial da semana de cine do ano 1993.
Esta colaboración repítese nas edicións dos anos 2001 e 2002. No 2001 fixéronse sesións temáticas sobre o cine de terror (Frankestein, O Resplandor,…), cine cómico (Os Irmáns Marx, Charlot,…), o cine de Almodóvar (Tacóns lonxanos, Todo sobre a miña nai,…),… e por vez primeira utilizamos a palabra para facer unha parodia sobre a chegada dunhas estrelas do cine a sesión de inauguración. Xa no ano 2002 continuamos nesta liña de traballo e realizamos unhas parodias dos Superheroes (Superman, Batman, Spiderman,…), e dunha cerimonia de entrega de premios cinematográficos e fixemos ambientacións baseadas no cine do oeste e na película O baile dos vampiros.

Desaqueloutrados

En febreiro de 1991 tras dunha temporada centrada nas montaxes de rúa e no traballo para o programa Superamigos da TVG o grupo estrea unha peza de sala, Desaqueloutrados, de Alonso de Santos (Fuera de quicio).
Cordos e tolos obedecen nesta peza a un galimatías demencial onde, naturalmente, son os enfermos quen padecen a tolemia positiva, reflectida no seu caso en ir contra as normas e experimentar de xeito hipersensible os efectos manipuladores do entorno.

Enguedellos para o sotomundo

Na noite de San Xoán dese mesmo ano estreamos outra peza de rúa, Enguedellos para o sotomundo, baseada no limiar de As Crónicas do Sochantre de Álvaro Cunqueiro nunha adaptación de Apolinar Vecino. Co soporte da lectura de textos poéticos e de efectos sonoros, a praza vaise poboando de mortos que ó remate serán recollidos en medio de efectos pirotécnicos e fume formando unha cuadrilla de ánimas que se retiran cunhas velas acendidas na man, é ¡a Santa Compaña!.

Os bandidos do mar

En maio de 1989 fíxose o espectáculo de rúa Os bandidos do mar. A bordo dun barco, un grupo de piratas atravesaban os mares poboados de curiosos habitantes.

Destacamos a elaboración do vestiario, realizado en espuma pintada, onde se inverteron moitas horas de traballo para cortar, pintar e coser os materiais dos que saíron polbos, sereas, peixes...