A Mandrágora

No mes de novembro do ano 2002 participamos no concurso cultural para xoves Urbis cunhas pequenas montaxes de rúa, ambientando diversas situacións da vida romana na cidade de Lugo.

Xa en xaneiro de 2003 estreamos, dentro da “III mostra de teatro clásico” de Lugo, A Mandrágora de Niccolò Macchiavelli. É esta unha obra onde o autor, especialmente recoñecido polos seus tratados políticos e filosóficos, nos ofrece unha sátira mordaz e hilarante sobre a corrupción que domina a sociedade italiana do seu tempo.

Macchiavelli desenvolve a acción en época contemporánea en Florencia, o que converte esta peza nunha crítica dos modos de vida dos distintos estamentos sociais (a nobreza, o clero, ...), da importancia dos cartos e da moralidade imperante para a que todo vale con tal que non se saiba.
Nesta montaxe quixemos remarcar o carácter grotesco dos personaxes así que decidimos utilizar os mínimos elementos en escena (dúas pequenas plataformas) cun fondo en negro, de xeito que o foco se centrase nas cores do vestiario e nas maquillaxes dos actores, apoiándose na iluminación para a creación dos diferentes espacios escénicos.
Esta obra foi seleccionada pola Federación Galega de Teatro Afeccionado para participar no II Festival de Teatro Afeccionado “Agustín Magán” en Santiago de Compostela.

No hay comentarios:

Publicar un comentario